You are here

Por qué a contaminación plástica é tan perigosa? A outra cara da moeda.

image1_1.jpg image2_1.jpg

 

 

 

 

 

Á esquerda, Pedro Campoy López, á dereita Alexandre M. Schönemann, ambos os dous inmortalizados perante o seu traballo cos disruptores endócrinos.

 

Por Pedro Campoy López e Alexandre Martínez Schönemann.

A cantidade de plástico que vai ao medio mariño non deixou de aumentar e isto non é novo; dos anos 50 ata agora a produción de plástico medrou exponencialmente, chegando a 322 millóns de toneladas ao ano na actualidade1 e colateralmente atopamos co aumento das verteduras de plástico ao mar que se estiman entre 4 e 12 millóns de toneladas ao ano2.

Estes datos non pasaron desapercibidos e a prensa difundiu amplamente espectaculares imaxes de aves ou mamíferos mariños con plástico no seu interior. Pero, a pesar da dureza e contundencia destas imaxes, o problema dos plásticos non remata, nin comeza aquí. Un feito moito menos coñecido pero de importantes implicacións para unha morea de organismos mariños, e mesmo para o ser humano, que non foi na tapa de calquera xornal, é o feito de que a distintos tipos de plásticos moi utilizados (como PET, PVC, PDB, entre outros) engádenselle unha grande cantidade de compostos químicos para darlles estabilidade, elasticidade, cor, ou funcionar como retardador de chama, entre outras propiedades, e estes compostos ó ser descargados no mar, xunto co plástico, disócianse do polímero e xeran efectos negativos nas comunidades de organismos mariños.

Unha das maiores preocupacións relativas aos aditivos de plásticos é a posibilidade de se comportar como unha hormona e, polo tanto, causar unha alteración chamada de disrupción endócrina en organismos mariños que vense expostos a estes contaminantes na súa contorna natural. Segundo a OMS (Organización Mundial da Saúde), os disruptores endócrinos son definidos como "compostos exóxenos ou mistura de éstos, que alteran as funcións do sistema endócrino e, en consecuencia, causan efectos adversos na saúde dos organismos, a súa proxenie e en poboacións" e teñen un impacto significativo interferindo nos sistemas metabólicos humano e animal, polo que se modifica o crecemento e a reprodución.

Neste punto é xustamente onde o equipo de investigación ECOTOX está enfocando os seus esforzos fomentando, entre outros traballos, dúas teses de doutoramento baseadas no uso de dous modelos de experimentación diferentes: un invertebrado da familia dos equinodermos, o ourizo do mar Paracentrotus lividus e un peixe estuarino da familia dos ciprínidos, Cyprinodon variegatus, a fin de observar os efectos adversos destes compostos. Isto permitirá esclarecer se a exposición a un xenoestróxeno, como algúns aditivos de plásticos -Bisfenol A, ftalatos, retardadores de chama, filtros UV, etc.- ó ser recoñecidos no organismo como unha hormona, poden chegar a desregular o crecemento e a reprodución destes organismos .

Ademais, os traballos, canalizados polo Dr. Ricardo Beiras, céntranse no uso de novas ferramentas baseadas en técnicas ómicas (transcriptómica e proteómica) para buscar biomarcadores de desregulación endócrina, como poden ser xenes e proteínas diana, relacionados co desenvolvemento e a maduración sexual destas especies.

________________
1. Ricardo Beiras. Marine Pollution 1st Edition. Elsevier. 2018. p. 69-82 . 
2. Jambeck, J. R., Geyer, R., Wilcox, C., Siegler, T. R., Perryman, M., Andrady, A., ... & Law, K. L. (2015). Plastic waste inputs from land into the ocean. Science, 347(6223), 768-771.

Compartir: 

© 1995 - 2019 Equipo de investigación ECOTOX.