Observariades que as bolsas da froita do voso supermercado son dende hai tempo bolsas etiquetadas como biodegradables. Non confundir coas que vos dan (ou máis ben cobran) en Caixa, que son recicladas.
Un material biodegradable en presencia de osíxeno convértese en CO2 e auga por acción de microorganismos presentes no ambiente natural, sexa terrestre ou acuático. A diferencia da gran maioría dos plásticos tradicionais, cuias cadeas moleculares están compostas exclusivamente por átomos de carbono, os plásticos biodegradables teñen na súa estrutura molecular átomos de osíxeno resultantes de enlaces éster. Isto fai esas cadeas máis febles fronte a acción de certas bacterias e fungos capaces de rompelas en períodos de tempo que van dunhas semanas a poucos anos, dependendo das condicións ambientais. Nada que ver cos plásticos convencionais, que en ambientes de baixa enerxía polo menos en teoría teñen a potencialidade para persistir durante séculos. Se a iso engadimos que podemos fabricar plásticos biodegradables a partir de biomasa en lugar de a partir de combustibles fósiles podemos converter estes materiais nun recurso renovable.
Pero non todo son avantaxes. Por unha banda é máis difícil técnicamente fabricar plásticos biodegradables, polo que son máis caros, e poden precisar maior cantidade de aditivos químicos para acadar as mesmas propiedades mecánicas que as bolsas de polietileno de toda a vida. Por outra banda ao descompoñerse poden soltar sustancia químicas ou nanopartículas con efectos perxudiciais para os organismos. Neste segundo tema estamos a traballar financiados pola Agencia Española de Investigación (AEI) no marco do Proxecto RisBioPlas, coordinado pola UDC.
Par avaliar o efecto potencial dos plásticos sobre os organismos preparamos extractos dos plásticos pulverizados en auga de mar, aos que chamamos lixiviados. A idea é que calquera sustancia química que leve o plástico pase á auga e podamos identificar a súa presencia mediante análises químicos ou probas biolóxicas. Se incubamos organismos mariños sensibles, como larvas do ourizo de mar, nestes lixiviados, as larvas detectarán a presenza de calquera sustancia química perxudicial, mesmo a concentracións moi baixas, e presentarán nese caso un desenvolvemento anormal. Na fotografía da esquerda podedes ver unha larva de ourizo de mar incubada en lixiviados mariños dunha bolsa de polietileno convencional preparados misturando 1 g de plástico por litro de auga e diluindo a 1/3, e á dereita tres larvas incubadas en lixiviados dunha bolsa biodegradable preparados exactamente do mesmo xeito. Como pode verse estas últimas presentan menor tamaño e diversas aberracións morfolóxicas.
Actualmente estamos tratando de identificar as sustancias químicas presentes nas bolsas biodegradables ou derivadas da súa degradación responsables destes efectos tóxicos, pero antes de lanzarnos a substituír o inocuo polietileno por outros materiais, por moi “bio” que sexan, deberiamos asegurarnos de que o remedio non vai ser peor que a enfermidade.
© 1995 - 2024 Equipo de investigación ECOTOX.