You are here

As mal chamadas bolsas oxo-biodegradables

O elevado consumo de bolsas de plástico, e en particular aquelas denominadas como lixeiras e moi lixeiras (cun espesor menor a 50 e 15 micrómetros respectivamente), supón un serio problema, tanto a nivel europeo como global. Estas bolsas teñen unha baixa taxa de reciclaxe e, debido ao seu peso reducido, producen altos niveis de lixo disperso, provocando contaminación medioambiental e agravando o problema xeneralizado de residuos nas masas de auga coa conseguinte ameaza para os ecosistemas acuáticos.

A UE fíxose eco  desta problemática incluíndoa na Directiva (EU) 2015/720, que modifica á Directiva 94/62/EC (relativa aos envases e residuos de envases) no que se refire á redución do consumo de bolsas de plástico lixeiras, onde estableceu que os Estados Membros deben tomar medidas para alcanzar unha redución significativa e sostida.

As normativas e regulamentos europeos contemplan a utilización de bolsas de plástico compostables ou biodegradables como alternativa, e consideran que é importante garantir o recoñecemento en toda a UE dos distintivos ou marcas para este tipo de bolsas.Nesa procura de alternativas viables aparecen novos produtos, dos que moitos se postulan como ecolóxicos cando en realidade distan de ser o que o seu nome indica.

Un dos exemplos deste etiquetado enganoso, son as chamadas bolsas “oxo-biodegradables”, distribuídas pola Xunta de Galicia e que atopamos en mercados locais, fabricadas con polímeros convencionais aos que se lle engaden catalizadores químicos. Suponse que estes aditivos permiten a biodegradación de plásticos aparentemente non biodegradables pero, en realidade, estas bolsas desintégranse en fragmentos invisibles de plástico convencional non biodegradable, constituíndo auténticas bombas de microplásticos ao ambiente. Polo tanto, que sexan designadas como biodegradables é enganoso, xa que até a data non hai ningún estudio que probe satisfactoriamente esta condición.

En 2014, Membros do Parlamento Europeo propuxeron unha prohibición total dos plásticos “oxo-degradables” na Unión Europea, pero aínda que a proposta foi bloqueada, na Directiva (EU) 2015/720 requiriuse que a Comisión estudara os impactos do uso de plástico oxo-degradable no medio ambiente.

En agosto de 2016, presentouse o informe The impact of the Use of “Oxo-degradable” Plastic on the Environment  para o DG Environment  da Comisión Europea, como resposta a esa solicitude, no que, entre outras cuestións, evidenciouse que, cos datos e estudos dispoñibles até o momento,  os Plásticos con Aditivos Pro-oxidantes (PAC) aceleran a fragmentación dos polímeros tradicionais no medio natural e non poden considerarse compostables.  

Ademais nel indícanse que non existe unha certificación valida para avaliar a biodegradabilidade, aínda que distintos produtores e actores da industria do plástico PAC afirman ter desenvolvido o método definitivo para poder avaliala. No informe saliéntase que para que estas bolsas permanezan no mercado, debería ser unha prioridade o desenvolvemento dun conxunto de estándares europeos e o establecemento de límites e controis de toxicidade.

En definitiva, os intereses comerciais escurecen conceptos científico-técnicos que deberiamos ter claros:

  • Plástico biodegradable: plástico susceptible de ser reducido a CO2 ou metano por microorganismos do ambiente.
  • Plástico oxodegradable: plásticos convencionais derivados do petróleo que conteñen pequenas cantidades de catalizadores que facilitan a fragmentación das cadeas do polímero.
  • Bioplásticos: plásticos feitos de materiais biolóxicos renovables tales como o ácido láctico ou o amidón, en xeral susceptibles á degradación microbiolóxica.

Compartir: 

© 1995 - 2018 Equipo de investigación ECOTOX.