You are here

Praia América: unha cloaca para veraneantes

No ano 2015 realizamos para as organizacións de produtores e confrarías e o Consello Regulador do mexillón un estudo integrado preliminar atacando as limitacións antropoxénicas á produción marisqueira da ría de Arousa, o lugar de maior produción acuícola de Europa. Co apoio loxístico da embarcación e mergulladores da ECIMAT (Universidade de Vigo) estudamos algún dos principais emisarios que inxectan augas residuais urbanas en distintos puntos do interior da ría. Cando, armados da cartografía oficial, fomos ó Concello da Pobra do Caramiñal, os nosos buzos non atoparon a boca do emisario. Cando preguntamos dixéronnos: a boca non bota nada, está roto a menos da metade do percorrido. O que nos contaban con total naturalidade era que as augas fecais que recolle e depura a EDAR da Pobra non se está vertendo perto do canal da ría, senón xusto debaixo dun polígono de bateas. Cando publicamos o noso informe algúns medios o recolleron https://www.lavozdegalicia.es/noticia/maritima/2016/05/25/embalses-sistemas-depuracion-deficientes-lastran-produccion-arousa/0003_201605G25P40991.htm Pensei, isto vai ser un bombazo. A día de hoxe non teño constancia de que o problema se arranxase.

Nos anos 2017 e 2018 a propia Xunta de Galicia encargounos un pequeno estudo para indagar na desaparición da cadelucha (Donax trunculus) en Praia América, que coincidiu no tempo coa apertura do emisario da EDAR do Concello de Nigrán, que verque na zona. De novo os noso buzos botáronse ao mar e de novo atoparon que o emisario estaba roto, neste caso a apenas 500 m deste turístico areal, e que a auga que xurdía da rotura presentaba bacterias fecais viables, incluso tras diluírse coa auga mariña. Concluímos, un chisco inocentemente, para as nosas autoridades: “recomendamos que se tomen medidas para corrixir o punto de verquido do efluente da EDAR de Nigrán, xa que o actual o fai nunha zona de baño de grande interese turístico que podería verse afectado por episodios de contaminación por augas fecais incompletamente depuradas, coas posibles implicacións conseguintes sobre a saúde pública.” Fai uns días recibín por e-mail este link (https://www.farodevigo.es/comarcas/2019/08/24/concello-nigran-detecto-contaminacion-agua/2159308.html). Seica o problema continúa.

O ano pasado fixemos un pequeno estudio sobre os problemas de contaminación fecal nos Concellos de Nigrán, Gondomar e Baiona (os o informe final cos resultados poden descargarse do seguinte enlace http://ecotox.es/gl/foz-do-miñor-unha-cloaca-ao-aire-libre). O estudio ía ser financiado polos 3 Concellos pero finalmente só cumpriu o terceiro. O verán anterior algúns bañistas de Praia América tiveran que ser hospitalizados (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/vigo/2017/09/07/6-intoxicados-tras-banarse-praia-america-contaminacion/0003_201709V7C5991.htm), e o Concello de Nigrán resolveu o tema colocando un cartel prohibindo o baño na desembocadura do río Muíños. O noso estudo confirmou que a Foz do Miñor e o río Muíños eran basicamente cloacas ao aire libre, debido a múltiples deficiencias na rede de saneamento da zona. Recentemente vin algún medio facerse timidamente eco disto (https://www.farodevigo.es/comarcas/2019/08/18/xunta-advierte-nigran-contaminacion-rio/2156729.html). Non me cabe ningunha dúbida que as nosas autoridades o resolverán pronto.

Ricardo Beiras
Catedrático de Ecoloxía

Compartir: 

© 1995 - 2019 Equipo de investigación ECOTOX.